Escudo da casa do Rapeira (Moraña). Debuxo de Héitor Picallo |
Dous caldeiros pendurados das pólas dun tronco, esculpidos sobre pedra nunha labra armeira, dan conta da presenza do apelido Caldas no predio da Rapeira, na
xeografía parroquial de Sta. Xusta de Moraña (outrora
adscrita á xurisdición de Penaflor). Mobles heráldicos que acompañan a
aqueloutros neste escudo son os propios dos Buceta —un brazo armado cunha
maceta de canteiro, en acción de golpear, e emparellados de tres cipreses—.
Mais nalgunha outra ocasión estas árbores aproximadas a un piñeiro (como o que
aí tamén se distingue) analisadas en conxunto, e non tendo en consideración a
división cuartelada, poderían significar se cadra os heraldos dos Gasco (malia
levar por habituais esta familia un piñeiro xunto a catro cipreses, e non a
tres): aquí queda a interrogante. Recórdannos estes brasóns, así logo, que nos
presentamos diante dun fogar fidalgo que lle é propio á liñaxe dos Caldas e que
tivo por parentesco (próximo ou afastado) a citada outra xinea, de destacada
difusión pola xeografía do Salnés (Buceta).
Xa dende o solpor da Baixa Idade
Media a familia (ou familias) dos Caldas ofrecen a súa sona por diferentes
recunchos das demarcacións pontevedresas, caldenses e do contorno do Mar da Arousa. Escoitábase logo falar do
escudeiro Vasco López de Caldas aló polo ano 1433 no territorio de Sta.
María de Asados (segundo se observa nun documento custodiado no Arquivo Ducal
de Medinaceli, Sevilla), como así dera conta igualmente da súa vinculación coa
vila de Caldas de Reis xa en 1421: a súa muller (María Afonso) tiña instituídas
na freguesía de Sta. María un grupo de obras pías. Outros representantes desta
liñaxe dende o S. XVI dan creto da súa favorecida condición polas terras de
(Caldas de) Cuntis, logo de ser prebendados pola Igrexa Compostelá cos dereitos
de padroado do beneficio curado de Sta. Baia da Portela (do que eles
conformaban un tronco presenteiro).
OS ANTEPASADOS DE FRANCISCO XOSÉ DE CALDAS
En relación arestora coa casa da
Rapeira é merecedora de comentario, esquematicamente, a biografía de Gregorio de Caldas e Crestar, que nacera na susodita freguesía de Sta. Xusta e
fora unxido cos óleos sacramentais o 15 de marzo de 1660. Era fillo de Miguel
de Caldas (descendente á súa vez de Bieito de Caldas e María Vidal) e de Águeda
Crestar; persoas das que se nos fai sospeitar unhas ostensibles orixes na
pequena nobreza local (ou comarcal).
OS PROXENITORES DE FRANCISCO XOSÉ DE CALDAS
Da proxenie igualmente de Miguel e Águeda
é Xoán de Caldas, que establece alianzas sacramentais con María
Fentáns. responsables do tronco desta liñaxe no couto de Sta. Mariña de Arcos
da Condesa, e bisavós daquel que se chamou Xosé de Caldas e Rodríguez de
Camba, quen, logo de cruzar o Atlántico e establecerse en Colombia (Vicerreinado de Nueva Granada), lograría
os cargos de Alférez da Compañía de Forasteiros da cidade de Santafé, Tenente
de Milicianos Montañeses de Popayán (capital do departamento de Cauca), así
como alcalde e rexedor perpetuo desta última cidade.
Froito do matrimonio de D. Xosé
coa súa dona, Vicenta Tenorio e Arboleda, e por conseguinte oriúndo asemade por
liña paterna das terras de Arcos da Condesa, foi o xeógrafo neogranadino,
inventor, naturalista e prócer na independencia colombiana D. Francisco Xosé de
Caldas e Tenorio.
BREVE BOSQUEXO BIOGRÁFICO
Nado en Popayán en 1768 e autor de obras tan senlleiras como Memoria sobre la nivelación de las plantas
que se cultivan en la vecindad de Ecuador (1801) e Estado de la geografía del virreinato de Santa Fe de Bogotá (1807);
ocuparía o cargo de director do Semanario
del Nuevo Reino de Granada (1807, do que foi fundador), así como os de
redactor e subdirector do Diario Político
de Santafé (1810).
Debido ás comprometidas actitudes do
polifacético D. Francisco Xosé —independentistas con respecto aos estados
españois e federalistas no tocante ao antigo Vicerreinado de Nueva Granada, posicións que, logo dun consello de
guerra, lle custarían o seu fusilamento na cidade de Bogotá o 29 de outubro de
1816—, o goberno do seu país decide crear en 1905 un departamento territorial
na súa honra e memoria, de aproximadamente 7283 quilómetros cadrados (case que
a mesma extensión cá provincia de Ourense), denominado Caldas e con capital na
cidade de Manizales. Esta nova, cun velo
alegórico, aínda suspira hoxe polas terras de Cuntis, mesturada con confusión,
esaxeración, romanticismo... e vincúlase coa historia da Casa da Garboa
—outrora do Agrobó—, construción
propia dos fidalgos da liñaxe dos Caldas cuntienses, mais con todo abondo
relacionada e emparentada coa da Rapeira —segundo puidemos esculcar na documentación de diversos arquivísticos galegos— razón que xustifica este pensamento
quasi que mítico (popular).
OUTROS PARENTESCOS
Escudo da casa da Rial (Moraña). Debuxo de Héitor Picallo |
Retornando
das nosas singraduras históricas e transoceánicas ao espazo morañés e aos
tempos de finais do S. XVII diremos que o xa mencionado D. Gregorio, cónxuxe de
Dª. María de Gasco García de Monroy e Deza (que veu ao mundo na cidade
madrileña de Getafe en 1662, froito
das alianzas de Ignacio Gasco e Isabel García de Monroy), desempeñaría oficios
de importancia capital na xurisdición de Penaflor: destacaron os de escribán
numerario e xuíz daquelas terras, así como os de familiar e notario do Santo
Oficio da Inquisición do Reino de Galiza. A partir
destes esponsais de D. Gregorio con Dª. María os Caldas pasaban a acadar unha
reputación de sobra máis destacada, dicíase que os Gasco (liñaxe da que gustaba
de resaltar Dª. María) eran xentes vinculadas coa alta nobreza e con
parentescos directos cos Marqueses de Alcañices (quen, titulándose asemade
tamén de Montaos e Condes de Grajal, administraron case na totalidade o señorío
e xurisdición de Penaflor).
Sepultura de Francisco Xosé de Caldas |
De D. Gregorio e Dª. María
posuímos noticias de dúas das súas fillas; unha delas, a que se chamou Dª.
Isabel de Caldas Gasco, casaría cun dos fillos dos señores da casa morañesa do
Rial, D. Alberte Alonso de Chan e Díaz; e a outra, natural de Sta Xusta de
Moraña, nada en 1706 e bautizada co nome de Dª. Rosa Madalena de Caldas Gasco
García de Monroy, faríao con D. Francisco de Soto e Ruibal (que chegara ao
mundo das nupcias de Gregorio de Soto e Águeda Ruibal en 1698). Deste último
enlace nacerían numerosos fillos, mais o que maior prestixio acadaría sería D.
Xosé Ambrosio de Soto e Caldas (nado en S. Salvador de Saiáns), quen logo de
trasladarse a vivir ao Vicerreinado
de Perú encargaríase dos desempeños
de Capitán das Milicias de Trujillo (1766), Sarxento Maior do seu Rexemento
(1769), rexedor (1776) e alcalde ordinario da mesma cidade.
Observamos con estas notas que o
verdadeiro valor que radicaba nas labras heráldicas era, antano, anunciar as
liñaxes vinculadas ao inmoble (civil, eclesiástico ou militar), mais para a
contemporaneidade serven non como un mero atractivo material no senso da súa
antigüidade, remota en maior ou menor medida, senón por atender a un
recordatorio histórico, artístico e cultural para quen se detén a contemplar,
valorar e analisar.
Ata aquí aquel artigo que se publicou no Diario de Arousa e no de Pontevedra, mais a continuación completo e desmoucho toda a súa xenealoxía.
Ata aquí aquel artigo que se publicou no Diario de Arousa e no de Pontevedra, mais a continuación completo e desmoucho toda a súa xenealoxía.
XENEALOXÍA GALEGA DE FRANCISCO XOSÉ DE CALDAS TENORIO
(xeración
1): Bieito de Caldas, que casa con María Vidal (veciños da Choza, Moraña).
Ten por fillo a:
(xeración 2): Miguel de
Caldas, que casa con Águeda Crestar, da que son coñecidos un par de fillos:
a)
Xoán de Caldas (co
que continuamos a xenealoxía)
b) Gregorio de Caldas, que nace en Sta. Xusta
de Moraña no ano 1660. Exerce como Escribán do Rei e de Número da xurisdición
de Penaflor, Notario e familiar do Santo Oficio da Inquisición do Reino de Galiza.
Contrae alianzas sacramentais con María de Gasco e García de Monroy, filla de
Ignacio Gasco e Dª. Isabel García.
(xeración 3): Xoán de Caldas,
casado con María Fentáns, ten por fillo a:
(xeración 4): Francisco de
Caldas Crestar, o que se une en sacramento a María de la Peña Reboredo . Do
matrimonio nacen:
a) Antón
de Caldas, marido de María Maquieira e proxenitor de Antón de Caldas (veciño de
Cartagena de Indias e logo de Lambayeque, que aínda está vivo por 1788,
b) D.
Paulo de Caldas
(xenealoxía 5): Paulo de
Caldas e de la Peña Reboredo, Escribán da Súa Maxestrade no couto xurisdicional de Arcos da Condesa,
contrae matrimonio con Francisca Rodríguez de Camba e Magariños, filla do notario Xosé
Bieito Rodríguez de Camba (soterrado en Arcos da Condesa o 10 de abril de 1763) e Sabela Magariños de Castro. Nese couto serán vecinos, concretamente do lugar de Badoucos.
Logo do seu pasamento, Francisca é soterrada na igrexa parroquial desa
freguesía, concreamente o 21 de xullo de 1771. Velaquí a partida da súa
defunción:
“En
veintiuno de julio de mil setecientos setenta y uno se dio sepultura en esta parroquia
de Santa Marina de Arcos de Condesa a Doña Josefa Rodríguez de Camba, muger que
fue de Don Pablo de Caldas, vecino de ella. Socorrida con todos los
sacramentos, hizo testamento por ante Rafael do Porto Barreyro, escribano y
vecino de la feligresía de Santa María de Caldas. No dejó obra pía ni
fundación, mandó asistiesen a su entierro y más actos fúnebres seis señores
sacerdotes, incluso el párroco, y se le digesen por su alma, obligaciones y
devociones, cinquenta y quatro misas rezadas, y una de ánima. Para que conste
lo firmo ut supra. Antonio Villa y Sanz”.
Paulo será soterrado no mesmo templo ca súa muller o 18 de febrero de
1773. Así quedou rexistrado:
“En diez
y ocho de febrero de mil setecientos y setenta y tres se dio sepultura en esta
parroquia de Santa Marina de Arcos de Condesa, a Don Pablo de Caldas, vecino de
ella, viudo de Doña Francisca Rodríguez de Camba, socorrido con el Santo
Sacramento de la Extremaución. No testó. Asistimos a su entierro y actos cinco
sacerdotes, y se le dijeron por su alma veinte misas rezadas y más una de
ánima. Para que conste, lo firmo ut supra. Antonio Villa y Sanz”.
Do matrimonio Caldas-Rodríguez de Camba é coñecida a seguinte proxenie:
a) María Xosefa (bautizada en Arcos da Condesa o 1 de novembro de 1729,
sendo o seu padriño o cirurxán Xosé da Erosa),
b) Xertrude (bautizada na mesma parroquia o 1 de maio de 1731, sendo o
seu padriño Francisco Suárez de Camba),
c) Xosé (pai de Francisco Xosé de Caldas Tenorio), recibe o sacramento
do bautismo en Arcos da Condesa, concretamente o 20 de febrero de 1731. Velaquí
a súa partida:
“En
veinte de febrero de mill setecientos y treinta y cinco, yo, Don Domingo Barrera,
cura propio desta feligresía de Arcos, bapticé solemnemente y puse los óleos a
Joseph, hijo lexítimo de Pablo de Caldas, Escribano de Su Magestad, y Francisca
Rodríguez de Camba, vezinos de dicha feligresía y lugar de Badoucos. Fue su
padrino Juan Suárez, vezino de San Salbador de Sayáns y lugar de Sabadín, al
que advertí las obligaciones de padrino, según dispone el Santo Concilio.
Fírmolo utt supra para que conste. Domingo Barrera”.
d) Francisca Antonia (nada o 25-II-1738, e bautizada en Arcos da Condesa
o día 27, sendo o seu padriño Don Francisco Antón Magariños, presbítero e
veciño de San Fins das Estacas)
e) Lourenzo, que o bautizan tamén en Arcos da Condesa o 19 de setembro
de 1740 (día no que nace), e sendo o seu padriño Lourenzo da Maquieira.
f) Paulo Caetano (nado o 25 de abril 1744, e bautizado ao día seguinte).
Xemelgo co seguinte, terá por padriño a Caetano de Ocampo Aboy (Avogado dos
Reais Estados, veciño de Arcos da Condesa, concretamente do lugar de San
Martiño).
g) Manuel Antón, bautizado o 26-IV-1744, xemelgo con Paulo Caetano,
sendo o seu padriño Manuel Antonio Gamallo (veciño da Amil)
h) Anxo Diego, nado 28 de febreiro de 1746 e bautizado o día 2 do seguinte
mes. O seu padriño foi Don Francisco López, do Souto de Marán (Arcos da
Condesa).
(xeración 6): Xosé de Caldas de la Peña e Rodríguez de Camba casa María Vicenta Tenorio e Arboleda (filla de Mariana Arboleda e Vergara e Juan Tenorio Torijano). Con María Vicenta ten a seguinte unha
numerosísima proxenie, concretamente 15 fillos:
a) Tareixa de Caldas e Tenorio (nada en Popayán e muller de Antón
Sánchez Rodríguez de Arellano)
b) María Manuela de Caldas e Tenorio (nada en Popayán)
c) María Nicolasa de Caldas e Tenorio (nada o 6 de decembro de 1765) e
que sería monxa da Encarnación
d) Gregoria de Caldas e Tenorio, que se une en sacramento a Gregorio de
Angulo
e) Francisco Xosé de Caldas e Tenorio
f) Mariano Alberto Camilo de Caldas e Tenorio (nado en 1769)
g) Sabela de Caldas e Tenorio (nada o 3 de xuño de 1771) que casa con Manuel
Ignacio Torres e Tenorio
h) Rosalía de Caldas e Tenorio, cónxuxe de Xosé María del Campo
Larraondo
i) Lino Rafael de Caldas e Tenorio, marido de Xoaquina Grueso e Rodríguez
l) Xosé de Caldas e Tenorio (solteiro)
m) Gabriela de Caldas e Tenorio, dona de Xoán Antón Ibarra
n) Vicenzo de Caldas e Tenorio, que contrae nupcias con Ana María
Pacheco
ñ) Baltasara de Caldas e Tenorio (nada en 1784), muller do doutor inglés Jorge Wallis
o) Xosé Xoaquín de Caldas e Tenorio, marido de Vicenta Villaquirán
p) Xosé Antón de Caldas e Tenorio (segundo parece, célibe)
(xeración 7): Francisco Xosé
de Caldas e Tenorio, nado en Popayán o 4 de outubro de 1768, e marido de
María Manuela Barahona e Barona (filla de Manuel Félix Barahona Escobar e María Xosefa Barahona e Hurtado). Son fillos deles:
a) Ignacia de Caldas Barahona
b) Xiana de Caldas Barahona
c) Dores de Caldas Barahona, que casa con Miguel Caldas Caicedo (fillo de Miguel Caldas Pacheco e María das Dores Caicedo Quinteiro)
d) Liborio María de Caldas Barahona
e) Ana María de Caldas Barahona (nada en 1816, antes de ser fusilado o seu pai)
f) Calota Caldas
a) Ignacia de Caldas Barahona
b) Xiana de Caldas Barahona
c) Dores de Caldas Barahona, que casa con Miguel Caldas Caicedo (fillo de Miguel Caldas Pacheco e María das Dores Caicedo Quinteiro)
d) Liborio María de Caldas Barahona
e) Ana María de Caldas Barahona (nada en 1816, antes de ser fusilado o seu pai)
f) Calota Caldas
Ningún comentario:
Publicar un comentario